Críticas de novelas >Casi perfecto> Unha novela case perfecta

Críticas de novelas

Leer citas de Marina Mayoral

Case perfecto


Portada - Case perfecto
"Unha novela case perfecta"

X.L. Franco Grande - A Nosa Terra nº 1282
23 septiembre a 3 octubre, 2007

Cando un le trescentas páxinas dunha novela, e o fai dunha sentada, penso que é un bo síntoma. Porque moi poucas veces nos ocorre. “Case perfecto” é a última novela, por agora, de Marina Mayoral. As súas trescentas páxinas, golosamente lidas, penso que integran unha moi boa novela, case perfecta, por xogar co título da mesma e por non querer pasar por esaxerado se retiro o adverbio. E non quero esaxerar senón sinalar o que, ao meu ver, hai na novela. O tema é un crime case perfecto.
A narradora escribe a un fillo falándolle por miúdo das circunstancias que rodearon a morte do seu pai para convencelo de que ela non foi e que deixe de pensar algo tan desavido: unha cousa é a lóxica e outra a realidade, que case nunca é lóxica. E aquí é onde Marina fai gala da súa mestría de narradora segura e xa moi experimentada. Porque ten que estar camiñando sempre polo gume que separa a lóxica da realidade. E tratando un tema que conta con moi nobres tradicións, sen incorrer nunca no risco do coñecido ou sabido –un non pequeño logro.

¿E cál é nesta novela a realidade?Que non é a narradora a autora do crime, por lóxico que ao fillo lle pareza o contrario. Pero o autor ou autora verdadeiros constitúen a realidade que nos interesa menos. Por paradoxal que semelle que a narradora non sexa a autora do crime, aínda que o pareza, prodúcenos máis impacto que a sospeita sobre a autoría real do mesmo, e que só ao remate da narración coñecemos con seguridade. O desenvolvemento desa trama préstase moi ben para que Marina luza as súas recoñecidas capacidades de narradora segura e precisa: precisa aínda cando narre sobre situacións tan escorregadizas como os sentimentos de culpabilidade, as sospeitas, as ambigüidades psicolóxicas, nas que sabe moverse e afondar, e comunicalas ao lector con interese, claridade e coherencia. E cun ritmo moi ben dosificado en toda a narración, suxerindo e non dicindo, dando a entender, abrindo posibilidades. Escrita nunha prosa áxil, diáfana, precisa e concisa, todo axuda a que a lectura desta novela se poida facer dunha sentada, non obstante as súas trescentas páxinas. E que poidamos manter acesa a nosa atención ao longo delas.O certo é que isto non acostuma suceder nas cousas que se adoitan escribir nestes tempos.


 

derechos reservados por Marina Mayoral